Expertos tecnolóxicos apostan pola formación para romper a fenda entre pais e fillos na era dixital

  • Tres conferenciantes presentes na Technium R Encounter destacaron a importancia da educación, a todas as idades, para evitar tanto os riscos das novas tecnoloxías como os falsos mitos produto do descoñecemento
  • Noemí Belas, fundadora e directora de Libolis e experta en formación en innovación, considerou que a actual falta de vocacións tecnolóxicas é un problema que debe solventarse dende a educación infantil
  • Raúl Ordóñez, formador e consultor dixital, sinalou que existe demasiada intoxicación sobre as novas tecnoloxías, que fomentaron a aparición de falsos mitos, polo que recomenda aos pais que sigan as regras EAS: Educar-Acompañar-Supervisar

A formación, tanto para pais como para menores, é a clave para afrontar os retos da nova era dixital. Os expertos presentes na Technium R Encounter aseguraron nas súas conferencias que a educación é imprescindible para evitar tanto os riscos das novas tecnoloxías como os falsos mitos produto do descoñecemento.

Noemí Belas, fundadora e directora de Libolis Pequeños Emprendedores e experta en formación en innovación, considera que a actual falta de vocacións tecnolóxicas é un problema que debe ser fomentada desde a educación infantil. Precisamente, os talleres impartidos na Technium R Encounter por Belas e o seu equipo, a través do programa crea R, pretenden ofrecerlles aos menores ferramentas para crear a través das novas tecnoloxías, e ao mesmo tempo, desenvolver as competencias persoais dos nenos. "Queremos que sexan moito máis que meros consumidores de tecnoloxía", sinalou.

 A experta destaca que moitos pais relaciónanse coa tecnoloxía desde o descoñecemento, mesmo desde o medo. Por iso, considera que é necesario educar tamén os maiores para que poidan achegarse á realidade que viven os seus fillos, e así acompañalos e asesoralos: "Cómpre que os pais se fórmen máis para tomar decisións a partir do coñecemento".

 Raúl Ordóñez, formador e consultor dixital, considera que existe demasiada intoxicación sobre as novas tecnoloxías, que fomentaron a aparición de falsos mitos, como é o suposto risco de que un menor caia nunha "adicción" aos videoxogos. Na súa charla, encadrada na iniciativa nativos R orientou a pais e educadores sobre o bo uso das novas ferramentas dixitais, pero tamén lles asesorou sobre as boas prácticas recomendables en temas tan sensibles como as redes sociais.

 En concreto, censurou que proliferen mensaxes alarmistas que poden preocupar inxustificadamente os pais. Na súa opinión, a clave é sempre informarse antes de decidir: "Se o teu fillo estivese tres horas todos os días nun edificio da túa cidade, calquera pai querería saber que hai dentro, que xente vai, que se fai... Pois no mundo dixital hai que facer o mesmo. Desde a curiosidade, temos que decatarnos do que fan para quedarnos máis tranquilos".

 Fronte á desinformación e os prexuízos, avoga polo sentido común, "igual que no mundo analóxico". E como recomendación xeral, avoga por unha estratexia gradual, que comezaría por educar, por exemplo cando se dá a un menor o seu primeiro móbil, para pasar logo á fase de acompañamento, e por último, "chegará un momento no que adquirirían coñecementos e madurez, co que nos limitaremos a supervisar".

 Marcos Rodríguez, experto TIC de Camp Tecnolóxico, engade que as novas tecnoloxías son unha oportunidade para que pais e fillos teñan algo en común e poidan mellorar a súa comunicación: "Estamos no mundo tecnolóxico, se quedas atrás, desconectas aínda máis dos teus fillos".

 Nos talleres que impartiu Camp Tecnolóxico na lanparty pretenderon "achegar as novas tecnoloxías a nenos e nenas, para fomentar as súas vocacións tecnolóxicas, e ao mesmo tempo, o traballo en equipo", apunta Rodríguez. Ao longo de dous días, organizaron actividades como a creación de tiras de luces LED ou a programación de robots, incluíndo a disputa dun partido de fútbol entre robots.

 

A Technium R Encounter, a pleno rendemento

 A sétima edición da Technium R Encounter cumpre a súa segunda xornada a pleno rendemento. Os máis de 500 participantes están a gozar de decenas de actividades lúdicas e formativas, mentres que os visitantes poden acceder a unha nova zona, aberta ao público e de acceso libre e gratuíto, na que poderán coñecer de preto as últimas novidades do mundo tecnolóxico, como a zona de impresoras 3D, a área de Realidade Virtual ou os campionatos de videoxogos.

 De igual maneira, séguense desenvolvendo os torneos competitivos de eSport, e as competicións de arte dixital, hardware, ou software libre, dentro dun amplo programa de actividades que terminará mañá.

Technium R Encounter

Voz:

643786542 (de luns a venres de 9 a 14 h)

Correo electrónico:

contacto@techniumrencounter.org

Responsables de prensa:

Aitor Ubarretxena. Infotres Comunicación.
943 22 45 30 / 609 12 16 66
E-mail: press@euskalencounter.org

 

Localización

twitter facebook youtube instagram