Technium R Encounter despega a 10 xigas por segundo de velocidade

  • O evento celebra a súa sétima edición ata este domingo en Expourense con máis de 500 participantes e un programa cargado de actividades 
  • A lanparty, que conta co patrocinio da Xunta de Galicia, Expourense e R, ofrecerá grazas á empresa de telecomunicacións un acceso a Internet de 10 Gbps, dez veces máis que a pasada edición 
  • As autoridades presentes na inauguración destacaron a importancia desta lanparty como parte da aposta de Galicia para situarse na vangarda tecnolóxica
  • Na súa nova etapa, a cita informática vinculouse coa rede de 'Encounters' de Euskaltel, potenciáronse todas as actividades para os participantes e creouse unha nova zona aberta ao público con actividades de acceso libre e gratuíto 

A sétima edición da Technium R Encounter despegou a máxima velocidade tras a inauguración desta mañá. Os máis de 500 participantes poderán gozar de 72 horas cargadas de actividades lúdicas e formativas ata este domingo. E todos os visitantes tamén son benvidos a este evento, xa que o traslado desta lanparty a Expourense permitiu crear unha nova zona, aberta ao público e de acceso libre e gratuíto, na que poderán coñecer de preto as últimas novidades do mundo tecnolóxico.

Fernando Suárez, director de Transparencia de Goberno Aberto da Deputación de Ourense, declarou que a informática é a maior ferramenta de democratización da historia da Humanidade, xa que permitiu que a difusión de coñecementos chegase a cotas inimaxinables. Do mesmo xeito, animou aos participantes para traballar no desenvolvemento da Sociedade da Información, e na creación de produtos e servizos que redunden en beneficio da poboación. Como recomendación, destacou que nunca se debe esquecer que "o máis importante son sempre as persoas", e que será a aposta polo talento e a innovación o que permita a Galicia situarse na vangarda tecnolóxica.

Pola súa banda, Francisco Conde, conselleiro de Economía da Xunta, subliñou que este evento acolle tanto propostas lúdicas como actividades vinculadas ao coñecemento e á creatividade. Na súa opinión, o mundo dixital é un puntal do desenvolvemento económico dun territorio, e este é un reto que Galicia debe seguir afrontando. Por tanto, a Technium R Encounter é para o conselleiro un evento da máxima importancia, que ademais deu un salto cualitativo nesta edicion.

Tamén tomou a palabra Alfredo Ramos, director xeral de R, agradeceu a colaboración de todas as institucións e reafirmou a vocación da empresa de telecomunicacións de seguir estendendo a sociedade da información por toda Galicia. De igual forma, animou a todos os afeccionados á tecnoloxía e á cidadanía en xeral a achegarse a Expourense para poder gozar dun intre agradable e coñecer os últimos avances en informática, en áreas como a realidade virtual ou a impresión 3D.

A Technium R Encounter, organizada pola asociación Technium, conta co patrocinio da Xunta de Galicia, de R e de Expourense. Na súa aposta por crear un punto de encontro para os amantes das novas tecnoloxías, os participantes poderán tomar parte en torneos competitivos de eSport, e en competicións de arte dixital, hardware, ou software libre, dentro dun amplo programa de actividades. A vinculación da Technium R Encounter coa rede de ' Encounters' de Euskaltel, que naceu en Euskadi hai 25 anos, e da que forman parte a Euskal Encounter, a Gipuzkoa Encounter, a Araba Encounter e a tamén galega XGN R Encounter, permitiu un crecemento do evento a todos os niveis.

Así, nesta edición potenciáronse as actividades formativas, con talleres e conferencias sobre temas de actualidade relacionados coas novas tecnoloxías. En concreto, Camp Tecnolóxico impartirá talleres informáticos para nenos e nenas, con actividades como a creación de tiras de luces LED ou a programación de robots, incluíndo a disputa dun partido de fútbol entre robots.

 

Pola súa banda, R leva á Technium deste ano a súa acción crea R, incluída no programa Digitalent 2020 de AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia). Nos talleres, nenos e nenas aprenderán a programar para crear unha cidade prototipo, mentres os adultos resolverán dúbidas e recibirán consellos sobre o bo uso das novas tecnoloxías da man dun pedagogo.

 

Ademais, os asistentes ao evento poderán coñecer de primeira man o proxecto Hana Hamsternauta, que propón o lanzamento dun ‘ dummy’ ao espazo coa axuda dunha sonda e dun globo meteorolóxico para conseguir as mellores métricas e recuperalo posteriormente con ‘vida’. A carreira espacial, ao alcance dos máis novos, na Technium R Encounter 2019.

Technium R Encounter

Voz:

643786542 (de luns a venres de 9 a 14 h)

Correo electrónico:

contacto@techniumrencounter.org

Responsables de prensa:

Aitor Ubarretxena. Infotres Comunicación.
943 22 45 30 / 609 12 16 66
E-mail: press@euskalencounter.org

 

Localización

twitter facebook youtube instagram